Colectivos LGBTI por unha Renda Básica Universal (LGBTIxRBU)
Este 2020 afrontamos o Orgullo LGBTI nunha situación de excepcionalidade. Por mor da emerxencia sanitaria derivada da pandemia mundial COVID-19 estalou con forza unha crise social e económica sen precedentes. Presenciamos como esta tripla crise obrigou a paralizar a economía durante meses para protexer e priorizar a vida, e asistimos ao comezo do derrube de importantes alicerces que sosteñen o neoliberalismo, en favor do común, poñendo en valor o público e a solidariedade. A pandemia desmontou a crenza de que a única forma posible e lexítima de acceder a recursos económicos é o emprego asalariado: medidas coma os ERTEs ou o Ingreso Mínimo Vital desligaron unha cousa da outra. Con todo, ao mesmo tempo, moita outra xente quedaba desprotexida e exposta ó caeren as bases do seu sustento e non poder acceder a estas axudas.
Como movemento LGBTI, sempre reivindicamos o noso dereito para ser e existir. Este foi o noso lema na primeira manifestación do Orgullo, en Barcelona no ano 1977. Con todo, este sistema capitalista intrinsecamente ligado á inxustiza, non garante a nosa existencia en condicións de dignidade. Nalgúns países, de feito, nin sequera se garanten as nosas vidas: a pena de morte para as persoas LGBTI, a esperanza de vida das mulleres trans en América Latina (ao redor dos 35 anos) ou das persoas LGBTI a nivel mundial (44 anos), son algúns exemplos que o proban.
No contexto de emerxencia social agravada pola crise do COVID, multiplícanse as persoas que non se puideron acoller a ERTEs ou axudas sociais por ser traballadoras en negro e/ou non ter a posibilidade de cumprir outros requisitos administrativos. Cabe citar o caso do 85% do colectivo trans que padece paro estrutural véndose en moitas ocasións abocado á prostitución. É o caso tamén de tódalas persoas migrantes LGBTI que se atopan en situación de “irregularidade” legal e exclusión social. É o caso de tódalas persoas que foron expulsadas dos seus traballos obrigadas por situacións de discriminación LGBTIfóbica, ou que continuaron neles véndose abocadas a ocultar a súa orientación sexual ou identidade de xénero (6 de cada 10 persoas LGBTI en España). É o caso da xente nova que, ao non poder emanciparse, ten que vivir nun fogar onde non se lles respecta, ou das menores LGBTI que se viron obrigadas a pasar o confinamento con familias LGBTIfóbicas e que, agora, vense excluídas de medidas como o Ingreso Mínimo Vital. E é que, efectivamente, non podemos permitir que ninguén quede atrás, tampouco o colectivo LGBTI.
Por iso, cremos que é a hora de que, como movemento LGBTI, reclamemos esta medida que garanta ter as nosas necesidades básicas cubertas. Non só as nosas, senón as do conxunto da poboación; facéndoa especialmente accesible para mulleres, menores e colectivos sociais. Unha Renda Básica, tamén cunha nítida perspectiva de xénero como reivindicaron compañeiras do movemento feminista, que garanta o necesario para o sostemento da vida, que nos libere tempo para poder seguir realizando as nosas vidas, e que sexa individual, universal e incondicional. A implementación de urxencia desta medida non só nos garantiría un teito e alimento, senón tamén a posibilidade de acabar con situacións de discriminación laboral LGBTIfóbicas, de saír de situacións de violencia no ámbito familiar ou de violencia intraxénero no da parella e de non ter que soportar condicións laborais abusivas, precarias ou denigrantes por medo a ser despedidas ou excluídas económica e socialmente. Non hai Orgullo se estamos explotadas.
Unímonos, polo tanto, ás voces que reclaman que esta Renda Básica Universal non teña as trabas burocráticas que converten as Rendas Mínimas dalgúns territorios en carreiras de obstáculos, nin o rumbo familiocéntrico que toma a unidade de convivencia como referencia, obviando as relacións de poder desiguais que sufrimos as persoas LGBTI. É absolutamente necesario que esta universalidade sexa real, sen criterios de exclusión para que chegue a todas, tamén ás persoas migrantes. Redistribuamos a riqueza para construír un mundo máis xusto, feminista e diverso!
Pola xustiza social, a solidariedade, o dereito á existencia e a loita contra as discriminacións: Renda Básica Universal!
¡Adhiérete al manifiesto!: